Mostrando entradas con la etiqueta A esmorga. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta A esmorga. Mostrar todas las entradas

Eduardo Blanco Amor. A esmorga (1950)



“E, ademais, o día, nefeuto, viña avolto polo ceio e xa escomenzara a orballar mesmo coma para chover forte, porque aquí cando emprincipia... ¡E, que carafio, non era cousa de pórse a picar morrillo con aquel esmorecemento que me viña, e coa auga a Deus dala, coma outras vegadas que me pillou a chuvia no choio, e ter que apandar co arrancallo da coroza que alí nos emprestan, que cando se enchoupa pesa coma se fose de pau, que nin deixa mover os brazos...! E tamén me dixen, como xa dixera Xanciño, que seguramentes non se ía traballar nas obras, pois anque o inxenieiro novo, que viñera de Madrí, nons dicía que xa levabamos dous meses de perda e nos reventaba a traballar nos días bos, en canto se viñan catro pingas púñase a rrenegar da chuvia do país e andaba connosco feito unha fera brava, coma se tivesemos a culpa...”


( A esmorga, Ed. Galaxia, 1985, 2ª ed., páx. 31)


Eduardo Blanco Amor. A esmorga (1950)



“Cando ía nestas, cavilando na “perra vida do trabajador”, como di o Serantes nesas xuntanzas de homes de traballo que agora se estilan e que se chaman “mitís”, e non lle fai aflla razón, aínda que non sexa máis que carpinteiro de obra, pois socedeu que ao lonxe vin, polo entremedio do neboeiro, dous bultos de home que se querían así coma disimular nun dos grosos negrillos que aló hai, a par da carreteira.”

( A esmorga, Ed. Galaxia, 1985, 2ª ed., páx. 20)

Eduardo Blanco Amor. A esmorga (1950)


"Tamén me tiven que valer do Tijeradeoro, que era un xastre, fillo doutro xastre, compañeiro de agulla do Milhomes, a quen o leitor coñecerá de contado e colleralle -supoño eu, que niso hai difrenza de gostos -xenreira para toda a vida. Polo visto o pai deste segundo xastre, xa de vello, non facía máis que falar do asunto. Contábao dunhas vinte ou trinta maneiras, asegún o humor que o acometese no seu desenrolo; pero decote cun entusiasmo tan persoal e afervoado coma se en troques de ter sido contemporao, sinxelo contemporao coma tantos outros que facía xa medio século -pois no meu pobo a xente vive con teima inacabábel- asistiran aos sucesos, tivese sido un dos principaes protagonistas. Por todo isto, tales testemuñas de segunda mau aínda que mellor sería dicir de segunda agulla- tívenas por adondo sospeitosas, por sobeiamente imaxinativas e miudallentas, como decote pasa coas testemuñas dos xastres que se doen da minuciosidade ornamental e do preciosismo sedentario propios do seu oficio."

( A esmorga, Ed. Galaxia, 1985, 2ª ed., páx. 11)