“Había moita xente no
velorio. Era polo vrao, coa lúa chea e canturía de arrás no regueiro. Todo
estaba quedo. Non se movía unha folla. A xente iba dun lado pra outro de vagar.
Algúns parolaban na cociña; outros, esparexéronse polos recantos da casa. Catro
ou cinco vellas, de loito, redoaban á morta con rezos choriqueiros. Eu saín
pola eira adiante. Senteime nunha cachopa. estaba canso. Andivera o día enteiro
no agro, atando monllos. Non tardou en achegárseme Santiago, o retellador. E comezou a falar:
-¿Viches como a xente ten dúas caras? Dúas, canto menos.
Non o digo pola defunta. A probe, coma todos os mortos, xa non é máis que un
restoballo de si mesma. falo dos que a mataron... Xa sei: ninguén lle deu cun
machado, nin solimán a beber. pero hai moitas maneiras de acabar co folgo dunha
persoa.”
( Noxo )