Mostrando entradas con la etiqueta Profecía do mar. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Profecía do mar. Mostrar todas las entradas

Bernardino Graña. Profecía do mar (1966). Lázaro mariñeiro.



E xusto enfraquecer pero ter ansias,
estar sen as mans e andar cos cotovelos,
sen pernas e tentar subir aos montes,
sen aire e respirar sequera versos.

Non quedes co teu corpo así, contigo,
sen guerra xa, centrándote no escuro
dun soño que apodrece e vai fedendo
porque te fai un morto e come o mundo.

Paciencia, mariñeiro, e rabia e pulo,
senón perdido estás... Toma tabaco.
Fuma. Descansa. Agüenta. Colle forzas.
Levántate outra vez. ¡Ao mar o barco!


( Lázaro mariñeiro )

 

Bernardino Graña. Profecía do mar (1966). O gato da tasca mariñeira.



Beben viño coñac
berran discuten contan chistes mascan
un pouco de xamón tal vez chourizo
o gato ulisca cheira mira agarda
vai á cociña vense ao mostrador quixera
un anaquiño de boa carne un chisco
de tenrura algún queixo unha migalla.

Aquí non hai vagadas nin roncallos
non se ven os cabezos nin as praias
o taberneiro bule saúda cobra sirve fala
cambea mil pesetas chama á muller á berros
e contesta ao teléfono ás chamadas
e os homes berran moito cheos de ira
e rin e danse a man e nada pasa.
            
( O gato da tasca mariñeira)

Bernardino Graña. Profecía do mar (1966). Materia.



¡Ah, tremede e pregade ladaíñas,
e vixiade a materia acogotada,
os que tedes un corpo e non brincades,
os da lata da vida sen abrila!
 
Ide á sombra ou á cama con coidado.
Velarán policías e soldados.
Mais fuxide, homes bos, fuxide areas,
se se esperta esa lava que non dorme.
 
(Materia)