Mostrando entradas con la etiqueta Xente no rodicio. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Xente no rodicio. Mostrar todas las entradas

Xosé Neira Vilas. Xente no rodicio (1965). O muiñeiro



“De seguro que moitos coidan que estou tolo. Pero non se me dá. Alá eles. Que maxinen canto queiran. Se alguén saíse por aí adiante berrando: “¡toleou Fermín!, toleou o muiñeiro!”, adivertiríame moito. non sería eu quen o negase. ¿Pra que? Todos saben que negar a propia tolemia é coma decrararse todo de vez. E amais deso, ten certas ventaxas. Os tolos son respetados e temidos; apóñenlle sempre algún xenio ou sabencia.
            Se pensan que estou tolo, estareino. Cadaquén é o que a xente diga. Todos os que fan algo fóra da rotineira estabrecida, xogan con ese risco. Ti mesmo, estás cavilando... Vaite, sigue co teu camiño. Chegarás tarde á obra. Os otros carpinteiros pasaron fai un anaco. Xa deben estar alá. Déixame.
            ¿Por que durmo na porta do muíño? Ti es novo na aldea. Non sabes nada. Non entendes nada. O muíño e mais eu somos unha mesma cousa.”

( O muiñeiro )

Xosé Neira Vilas. Xente no rodicio (1965). Isaura



“Foi no balbordo da malla. A xente rebulía na eira, entre monllos e grao limpo e forcadas. Ramón atendía o motor da malladora. Bateron os seus ollos en Isaura, que carrexaba centeo. Díxolle algo, mais ben con acenos, pois a voz afogoulla o bruído da máquina. Ela sorreu. Pola noitiña, cando o motor calou e se foi indo a xente, quedaron soios redoados de palla e grilos musiqueiros e estrelas.
            Dempois seguíronse vendo. Ramón salvaba o arredamento que lle impoñía o seu traballo. Quedaba atrás os paññeiros, con taravelas e carapuchos novos. A malladora iba fuxindo, aldea tras aldea. Isaura rubía ó coto pra escoitar o eco daquel latexar mecánico, cada vez máis esvaído e lonxano.”

( Isaura ) 
[Mallador]

Xosé Neira Vilas. Xente no rodicio (1965). ¿Como é o mar?



“Nacera na beiramar. Talvez por eso lle puxeron Mariña. O pai era pescador e morreu afogado cando ela tiña uns cantos meses. Nin siquera un retrato del lle deixaron. Ó longo dos anos maxinouno de moitas maneiras. En veces forte, baril, destemido. Outras miúdo, feble, sin forzas pra vencer a tempestade que o arramplou.
            Dempois daquela disgracia, a nai tróuxoa pra a montaña. Viñeron vivir ó achego duns parentes. pouco a pouco fóronse afacendo. Anque, pra ela era coma se tivese nado aquí. Era moi pequecha. E pequecha seguía sendo cando lle morreu a nai. Acababa de cumprir catro anos. Quedou orfiña de vez, cuasemente dende o berce.”

(¿Como é o mar?)

Xosé Neira Vilas. Xente no rodicio (1965). A sombra.



“Por un carreiro miúdo que cobreguea de par do regato pódese chegar á Cova. O terreo está a chupe. É logar brañento, e dá acougo pousar a ollada no verdume das xuncas. Hai ameneiros e freixos. A auga xoga e parola coas pedras. No inverno relocen, ó longo do regueiro, os vidros da xiada.
            Perto da cova está a caseta de Gumersindo, o zoqueiro. E na banda de abaixo, o corgo de cemento. Por veces, o regato cai na boca do corgo e alí queda, medrando no mesmo logar e recollendo a súa longura. Hastra lle abren o picho e volta a ser el, agora brincando nas birtas pra afogar a sede da terra.
            Cando cheguei, estáballe sacando rachas a un retrinco de ameneiro. O fío da macheta pasáballe rente da mao esquerda.
            -Son zocos pra un neno -díxome-. Levan menos pau pero dá máis traballo facelos.”

( A sombra )

Xosé Neira Vilas. Xente no rodicio (1965). Noxo



“Había moita xente no velorio. Era polo vrao, coa lúa chea e canturía de arrás no regueiro. Todo estaba quedo. Non se movía unha folla. A xente iba dun lado pra outro de vagar. Algúns parolaban na cociña; outros, esparexéronse polos recantos da casa. Catro ou cinco vellas, de loito, redoaban á morta con rezos choriqueiros. Eu saín pola eira adiante. Senteime nunha cachopa. estaba canso. Andivera o día enteiro no agro, atando monllos. Non tardou en achegárseme Santiago, o retellador. E comezou a falar:
            -¿Viches como a xente ten dúas caras? Dúas, canto menos. Non o digo pola defunta. A probe, coma todos os mortos, xa non é máis que un restoballo de si mesma. falo dos que a mataron... Xa sei: ninguén lle deu cun machado, nin solimán a beber. pero hai moitas maneiras de acabar co folgo dunha persoa.”

( Noxo )

Xosé Neira Vilas. Xente no rodicio (1965). Auga



“Anoitecía. A chuvia repinicaba nas tellas. Cada lóstrego alumaba o pallal e viámonos uns ós outros, rostos aterecidos e chaquetas pingando. O trebón colléranos fóra. Tronaba a máis non dar. Bastián, o legoeiro, sentado na beira dunha grade, mentras xogaba co mango da peta, púxose a contarnos aquela historia. E todos calamos.
            -Téñenme dito que os cans doentes non aturan a auga. Algo semellante acontéceme a min -dixo-. Pasáronme un eito de anos por derriba, pero hai sucesos que non se poden esquecer. lembrarei aquelo anque chegue a velliño. Poque as cousas danse ás veces de tal xeito que se meten nun pra sempre.
            Eu non tiña aínda cinco anos. meu irmao Suso cumprira catorce. os dous andabamos en todos os traballos, pois xa se sabe que os que vimos ó mundo labregos, dende o berce comezamos a domear o lombo.”


( Auga )

 

Xosé Neira Vilas. Xente no rodicio (1965). A serra



“Mentras avantaba, coa esporta ó lombo, fixo un reconto da súa vida; aquela vida escrava, chea de contratempos e de angurias. Dende o mesmo berce andivo a servir. Foi esprotado e trasteado por varios amos. Dempois botouse ó xornal, hastra que o Fragueiro lle deu traballo. No comezo fendeu travesas, e logo tocoulle andar de monte en monte, asentando e erguendo aquela serra mecánica, por cada piñeiral que o Fragueiro mercaba. Era un trafego de xemer, pero comezaba a gostarlle. Afixérase ao ruído da serra, á recina, ó batemento do motor... Adeprendeu o manexo daquela estangurriada. Anque mal pagado, convertírase nun obreiro de calidade. Tiña un oficio.”


( A serra )
[Xornaleiro]
[Serrador]