Xosé Neira Vilas. Xente no rodicio (1965). Noxo



“Había moita xente no velorio. Era polo vrao, coa lúa chea e canturía de arrás no regueiro. Todo estaba quedo. Non se movía unha folla. A xente iba dun lado pra outro de vagar. Algúns parolaban na cociña; outros, esparexéronse polos recantos da casa. Catro ou cinco vellas, de loito, redoaban á morta con rezos choriqueiros. Eu saín pola eira adiante. Senteime nunha cachopa. estaba canso. Andivera o día enteiro no agro, atando monllos. Non tardou en achegárseme Santiago, o retellador. E comezou a falar:
            -¿Viches como a xente ten dúas caras? Dúas, canto menos. Non o digo pola defunta. A probe, coma todos os mortos, xa non é máis que un restoballo de si mesma. falo dos que a mataron... Xa sei: ninguén lle deu cun machado, nin solimán a beber. pero hai moitas maneiras de acabar co folgo dunha persoa.”

( Noxo )