“Por un carreiro miúdo que
cobreguea de par do regato pódese chegar á Cova. O terreo está a chupe. É logar
brañento, e dá acougo pousar a ollada no verdume das xuncas. Hai ameneiros e
freixos. A auga xoga e parola coas pedras. No inverno relocen, ó longo do
regueiro, os vidros da xiada.
Perto da cova está a caseta de Gumersindo, o zoqueiro. E na banda de abaixo, o corgo
de cemento. Por veces, o regato cai na boca do corgo e alí queda, medrando no
mesmo logar e recollendo a súa longura. Hastra lle abren o picho e volta a ser
el, agora brincando nas birtas pra afogar a sede da terra.
Cando cheguei, estáballe sacando rachas a un retrinco de
ameneiro. O fío da macheta pasáballe rente da mao esquerda.
-Son zocos pra un neno -díxome-. Levan menos pau pero dá
máis traballo facelos.”
( A sombra )