cacharreiro

Persoa que fai ou vende cacharros.(Diccionario RAG)


(Gabriela G G)



retellador

O que retella (diccionario RAG)




(por Pablo S C)

Xosé Neira Vilas. Xente no rodicio (1965). O muiñeiro



“De seguro que moitos coidan que estou tolo. Pero non se me dá. Alá eles. Que maxinen canto queiran. Se alguén saíse por aí adiante berrando: “¡toleou Fermín!, toleou o muiñeiro!”, adivertiríame moito. non sería eu quen o negase. ¿Pra que? Todos saben que negar a propia tolemia é coma decrararse todo de vez. E amais deso, ten certas ventaxas. Os tolos son respetados e temidos; apóñenlle sempre algún xenio ou sabencia.
            Se pensan que estou tolo, estareino. Cadaquén é o que a xente diga. Todos os que fan algo fóra da rotineira estabrecida, xogan con ese risco. Ti mesmo, estás cavilando... Vaite, sigue co teu camiño. Chegarás tarde á obra. Os otros carpinteiros pasaron fai un anaco. Xa deben estar alá. Déixame.
            ¿Por que durmo na porta do muíño? Ti es novo na aldea. Non sabes nada. Non entendes nada. O muíño e mais eu somos unha mesma cousa.”

( O muiñeiro )

Xosé Neira Vilas. Xente no rodicio (1965). Isaura



“Foi no balbordo da malla. A xente rebulía na eira, entre monllos e grao limpo e forcadas. Ramón atendía o motor da malladora. Bateron os seus ollos en Isaura, que carrexaba centeo. Díxolle algo, mais ben con acenos, pois a voz afogoulla o bruído da máquina. Ela sorreu. Pola noitiña, cando o motor calou e se foi indo a xente, quedaron soios redoados de palla e grilos musiqueiros e estrelas.
            Dempois seguíronse vendo. Ramón salvaba o arredamento que lle impoñía o seu traballo. Quedaba atrás os paññeiros, con taravelas e carapuchos novos. A malladora iba fuxindo, aldea tras aldea. Isaura rubía ó coto pra escoitar o eco daquel latexar mecánico, cada vez máis esvaído e lonxano.”

( Isaura ) 
[Mallador]

Xosé Neira Vilas. Xente no rodicio (1965). ¿Como é o mar?



“Nacera na beiramar. Talvez por eso lle puxeron Mariña. O pai era pescador e morreu afogado cando ela tiña uns cantos meses. Nin siquera un retrato del lle deixaron. Ó longo dos anos maxinouno de moitas maneiras. En veces forte, baril, destemido. Outras miúdo, feble, sin forzas pra vencer a tempestade que o arramplou.
            Dempois daquela disgracia, a nai tróuxoa pra a montaña. Viñeron vivir ó achego duns parentes. pouco a pouco fóronse afacendo. Anque, pra ela era coma se tivese nado aquí. Era moi pequecha. E pequecha seguía sendo cando lle morreu a nai. Acababa de cumprir catro anos. Quedou orfiña de vez, cuasemente dende o berce.”

(¿Como é o mar?)

Xosé Neira Vilas. Xente no rodicio (1965). A sombra.



“Por un carreiro miúdo que cobreguea de par do regato pódese chegar á Cova. O terreo está a chupe. É logar brañento, e dá acougo pousar a ollada no verdume das xuncas. Hai ameneiros e freixos. A auga xoga e parola coas pedras. No inverno relocen, ó longo do regueiro, os vidros da xiada.
            Perto da cova está a caseta de Gumersindo, o zoqueiro. E na banda de abaixo, o corgo de cemento. Por veces, o regato cai na boca do corgo e alí queda, medrando no mesmo logar e recollendo a súa longura. Hastra lle abren o picho e volta a ser el, agora brincando nas birtas pra afogar a sede da terra.
            Cando cheguei, estáballe sacando rachas a un retrinco de ameneiro. O fío da macheta pasáballe rente da mao esquerda.
            -Son zocos pra un neno -díxome-. Levan menos pau pero dá máis traballo facelos.”

( A sombra )

Xosé Neira Vilas. Xente no rodicio (1965). Noxo



“Había moita xente no velorio. Era polo vrao, coa lúa chea e canturía de arrás no regueiro. Todo estaba quedo. Non se movía unha folla. A xente iba dun lado pra outro de vagar. Algúns parolaban na cociña; outros, esparexéronse polos recantos da casa. Catro ou cinco vellas, de loito, redoaban á morta con rezos choriqueiros. Eu saín pola eira adiante. Senteime nunha cachopa. estaba canso. Andivera o día enteiro no agro, atando monllos. Non tardou en achegárseme Santiago, o retellador. E comezou a falar:
            -¿Viches como a xente ten dúas caras? Dúas, canto menos. Non o digo pola defunta. A probe, coma todos os mortos, xa non é máis que un restoballo de si mesma. falo dos que a mataron... Xa sei: ninguén lle deu cun machado, nin solimán a beber. pero hai moitas maneiras de acabar co folgo dunha persoa.”

( Noxo )